Deseño e desenvolvemento web autoxestionable para Fransy González
Fransy González é cantareira e pandeireteira de Arteixo, socia fundadora da A. X. Xiradela e unha das voces que máis fixo por recoller a tradición oral galega: trinta e cinco anos de traxectoria que arrancaron cunha gravadora prestada, chamando ás portas das casas de Bergantiños.
A súa web reúne as dúas caras dese traballo: os proxectos sobre o escenario —«Manhe», estreado con orquestra de corda no Teatro Colón da Coruña, ou o dúo con Davide Salvado— e as masterclasses de canto e pandeireta. Quen entra vén coñecer o seu percorrido ou saber onde pode escoitala.
Invbit deseñou o sitio en Figma e desenvolveuno sobre WordPress cun tema fillo propio. Programamos un tipo de contido a medida para as datas de xira, coa súa axenda e a ficha de cada actuación, e montamos a liña de tempo biográfica e a discografía para que se editen desde o panel. A web vai en galego e castelán con WPML, ten formulario de contacto propio e a súa declaración de accesibilidade.
Así, Fransy pode anunciar un concerto ou unha novidade sen depender de ninguén. E como boa parte do seu público descóbrea nunha actuación e búscaa despois desde o teléfono, o deseño responsive fai que esa data se lea igual de ben nun móbil que na pantalla do programador cultural que quere contratala.
- HTML5
- CSS3
- JavaScript
- WordPress
- Deseño a medida
- Desenvolvemento a medida
- Figma