FRANSY inaugura ‘O Poder do Folk’ con potencia e alma

12 Set 2026

O Ateneo de Pontevedra retomou a súa programación despois do verán coa primeira sesión do ciclo ‘O Poder do Folk’, unha proposta que achegará ao público, da man de destacadas figuras da música galega, diferentes aspectos vencellados a elementos fundamentais do noso folclore, como a voz, a gaita ou a percusión.

FRANSY foi a encargada de inaugurar esta nova programación cun encontro no que puxo en valor a voz non só como instrumento, senón tamén como vehículo de memoria, identidade e transmisión cultural.

A través das súas palabras, das súas experiencias e, por suposto, do seu canto, FRANSY achegou ao público unha parte esencial da súa traxectoria e do seu compromiso coa recuperación e conservación da tradición oral galega. Unha tradición que durante xeracións mantiveron viva, especialmente, tantas mulleres, e que ela mesma comezou a recoller e divulgar a finais do século pasado mediante diferentes gravacións e a través do contacto directo coas persoas depositarias dese patrimonio, especialmente na contorna da Costa da Morte.

As voces desas mulleres estiveron moi presentes ao longo da súa palestra. FRANSY realizou un percorrido polos seus comezos, pola súa experiencia docente durante décadas con rapaces e rapazas e polo traballo de recuperación dun legado construído por xeracións de galegas e galegos que atopaban na música unha maneira de relacionarse, compartir e fortalecer os lazos da comunidade.

FRANSY inaugura o ciclo O Poder do Folk no Ateneo de Pontevedra

Pero a sesión non foi só unha aproximación teórica. A potencia e a alma que habitan na voz de FRANSY convertéronse tamén nas grandes protagonistas dunha xornada na que as explicacións e os recordos se mesturaron coa música. Houbo tempo para escoitala cantar e para comprobar como esa tradición, lonxe de quedar no pasado, segue viva cando se comparte. En varios momentos, o propio público sumouse activamente aos seus cantos, convertendo o encontro nunha auténtica experiencia colectiva.

A voz de FRANSY, cargada de forza, emoción e memoria, abriu así o ciclo ‘O Poder do Folk’, deixando patente que cantar é tamén lembrar, transmitir e manter vivo un patrimonio que forma parte esencial da nosa identidade.

Segue lendo

✕