A cantareira e pandeireteira presentouse como solista na XXV Feira Histórica Arteixo 1900 cun repertorio recollido nas aldeas de Arteixo e Bergantiños, rodeada das persoas que forman parte da súa historia.

FRANSY presentouse como solista este domingo, 18 de outubro, na XXV Feira Histórica Arteixo 1900, nunha ruada na que compartiu escenario con máis de corenta persoas que forman parte do seu camiño musical e persoal. A cita coincidiu cos corenta anos da fundación do grupo de cantareiras de Xiradela, do que forma parte da súa historia.
«Subir a este escenario significa liberarme e darme o permiso de dicir: esta son eu», explica FRANSY. «Sentir que podo amosar a miña propia sensibilidade e a miña maneira de entender a música é un agasallo que me fago a min mesma nesta etapa da vida».
O repertorio da ruada naceu das cantigas recollidas nas aldeas de Arteixo e Bergantiños, da man das mulleres que as conservaron e transmitiron ao longo das xeracións. «Son a memoria viva das nosas veciñas e maiores, anacos da nosa historia que tiña moitas ganas de cantar aquí, dándolles o valor que merecen e lembrando de onde veñen e quen os mantivo vivos», sinala.

FRANSY comezou soa, coa voz e a pandeireta, e foi compartindo escenario coas cantareiras de Xiradela, Teresa dos Cucos, os grupos A Pedreira, A Reghocheo e Algarada, os bailadores Nando Saavedra e Marina Torrado, Ana Carnota e a súa filla Sabela, que a acompañou ao violín. A actuación medrou ata reunir máis de corenta persoas sobre o escenario.
O reencontro coas compañeiras coas que comezou este camiño foi un dos momentos máis emocionantes da xornada. «Ver que a nosa complicidade segue intacta despois de corenta anos é maxia», afirma.

«Quixen que viñesen todos e todas porque este concerto é un tributo á transmisión oral e ao agarimo que nos une», resume FRANSY. Unha ruada coa que quixo celebrar a música compartida e o legado de quen mantivo vivas estas cantigas, para que o público marchase «sentindo que este patrimonio nos pertence a todos».
Esta actuación enmárcase nunha etapa na que FRANSY continúa desenvolvendo o seu camiño como solista en distintos formatos, ao tempo que prepara a publicación do álbum de Manhe, o espectáculo que estreou no Teatro Colón da Coruña en novembro de 2025.


